Monday 06 de May de 2024

O Teatro Rosalía de Castro acollerá a gala solidaria con Palestina ‘Cultura contra a barbarie’


O concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro,presentou o programa, no que figuran artistas como Fillas de Cassanra, Xosé A. Touriñán ou Xurxo Fernandes

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a gala ‘Cultura contra a barbarie’, un evento solidario co pobo palestino que promove o Concello da Coruña. Este acontecemento celebrarase o vindeiro 13 de marzo a partir das 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro. O edil estivo acompañado na presentación realizada no Palacio Municipal de María Pita por Iván Prado, de Pallasos en Rebeldía.

“O Goberno de Inés Rey está comprometido coa paz e a xustiza no mundo, e desexa edemanda o fin do conflito e o remate da barbarie contra a poboación civil en Palestina. E por iso quixemos colaborar con este evento, ao que sumamos a grandes artistas do panorama galego, dos que gabamos o seu compromiso”, sinalou Gonzalo Castro. A gala está organizada por Culturactiva e Pallasos en rebeldía.

Cómpre lembrar que a Corte Internacional de Xustiza ordenou recentemente a Israel “tomar todas as medidas” inmediatas e efectivas para “previr” un xenocidio en Gaza, e para “permitir a prestación dos servizos básicos e a asistencia humanitaria que se necesitan de forma urxente para combater as adversas condicións de vida ás que se enfronta a poboación palestina na Faixa”.

O espectáculo estará presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa participación de Fillas de Cassandra, Xosé A. Touriñán, Dani García, Xurxo Fernandez, Sue Moreno, Alfredo Muíño, Sahar Shatat e Iván Prado. Estes elenco de artistas galegos súmase así a outras celebridades do mundo da música como Rozalén, Coque Malla ou Ismael Serrano que xa expresaron o seu apoio á causa palestina, e que o público coruñés terá oportunidade de presenciar aolongo de 2024 na cidade.

As entradas terán un prezo único de 10 euros, e todo o que se recade irá destinado á Gaza Stars Circus School, unha entidade local coa que colabora Pallasos en Rebeldía, e que traballa directamente con nenos e nenas, proporcionándolles bens básicos como alimentos, medicinas e roupa. As entradas poden adquirirse a través da plataforma Ataquilla.